Os padeeiros da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra volveron demostrar que forman parte do selecto grupo de clubs que dominan este deporte en Galicia. Un dominio que demostraron a pasada fin de semana en Cenlle, onde se celebrou o campionato galego de inverno de embarcacións de equipo (K2 e C2) sobre a distancia de 3.000 metros. un evento que contou coa participación de 400 deportistas pertencentes a 31 equipos.
No ranking por equipos, a EPCP terminou como campioa da categoría sénior feminina seguida polo Ría de Betanzos e o Club de Mar Ría de Aldán. Pola súa banda, na categoría sénior masculina, o Club Naval acabou en segunda posición por detrás do Kaiak Tudense e por diante do As Torres Romaría Viquinga. Ademais, o Piragüismo Verducido foi terceiro na clasificación xuvenil feminina.
As canoistas da escola pontevedresa María Villaverde e Noa Conde colgáronse en ouro na proba sénior do C2 ao impoñerse ás embarcacións do Náutico Pontecesures e do Poio, segundas e terceiras respectivamente. Na modalidade masculina, foi destacada a actuación dos kayakistas do Club Naval Felipe Dobarro e Manuel Rivas, que cruzaron a meta en segunda posición só superados pola parella do Kaiak Tudense formada por Rubén Millán e Valentín Ezcurra.
En categoría xuvenil sobresaíu o triunfo de Alba Rodríguez e Iria Tilve, do Piragüismo Poio, en C2.