O Club Aromon Pontevedra presume de liderado na Copa de España de Trail

Pontevedra
03 de agosto 2021

O cadete Xián Novoa lidera a clasificación da súa categoría tras disputarse tres das catro citas previstas no calendario, a última a pasada fin de semana nas Palmas

Xián Novoa no Aguas de Teror Trail - Desafio de los Picos Aguas de Teror Trail - Desafio de los Picos

O Club Aromon Pontevedra - Montañeiros A Roelo presume dos resultados dunha das súas novas promesas, Xián Novoa.

O deportista do club pontevedrés comanda a clasificación da Copa de España Trail de Carreiras de Montaña na categoría cadete despois de disputarse tres das catro citas previstas no calendario.

A última delas celebrouse a pasada fin de semana en Las Palmas de Gran Canaria, co Aguas de Teror Trail - Desafío de los Picos.

Nesta cita Xián Novoa venceu na proba cadete masculina con 9 quilómetros de percorrido e un desnivel positivo de 400 metros.

Á súa chegada a meta parou o cronómetros en 54 minutos e 10 segundos, con 1:45 de vantaxe sobre o valenciano Francesc Asunción e 4:56 sobre Javier Moreno, segundo e terceiro respectivamente.

Con este resultado o deportista do Aromon conta con 92 puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor na clasificación xeral da Copa de España, certame que chegará ao seu fin o 17 de outubro co Málaga Los Tajos Skyrace.