O Club Waterpolo Pontevedra lanza unha campaña de promoción de doazón de sangue con ADOS

Pontevedra
17 de xullo 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) instalará unha unidade móbil o próximo 26 de xullo nas inmediacións da Praza da Ferrería

Autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue-ADOS Mónica Patxot

Dentro do programa de actividades do 25 aniversario do CW Pontevedra, enmárcase unha iniciativa de forte compromiso social. O club pontevedrés acaba de asinar un acordo de colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) para realizar unha campaña conxunta de doazón de sangue na Boa Vila e colaborar con eles na difusión do valor que ten o feito de facerse doante.

O vindeiro 26 de xullo, tanto en horario de maña como de tarde, haberá unha unidade móbil na Praza da Ferrería de Pontevedra para que todas as persoas maiores de idade que cumpran os requisitos, con independencia de que teñan ou non algún vínculo directo ou indirecto co club, poidan demostrar a súa xenerosidade, solidariedade e concienciación social acudindo a doar sangue no horario que mellor lle encaixe.

Deportistas, pais, nais, familiares, amigos e amigas e relacionados coa entidade pontevedresa amosará unha vez máis a súa faciana máis solidaria e comprometida coas persoas que máis o necesitan. "En calquera momento podemos ser nós ou algún dos nosos seres queridos os que se vexan nesa necesidade", sinalan desde a directiva do equipo para animar á participación.