O CN Galaico brilla no regreso das competicións á piscina de Rías do Sur

Pontevedra
03 de xullo 2023

O equipo pontevedrés pechou a súa participación no campionato autonómico de categoría infantil en segunda posición cun total de 36 medallas

Público nas bancadas de Rías do Sur polo campionato galego de natación de categoría infantil
Público nas bancadas de Rías do Sur polo campionato galego de natación de categoría infantil / CN Galaico

A piscina olímpica de Rías do Sur recuperou esta fin de semana o esplendor perdido durante o tempo que a instalación permaneceu pechada coa celebración do campionato galego de categoría infantil na que o equipo organizador, o CN Galaico, logrou o subcampionato.

Os 16 nadadores do equipo pontevedrés colleitaron un total de 36 medallas, 12 delas de ouro, só por detrás do Portamiñá de Lugo.

O equipo pontevedrés conseguiu a vitoria na remuda 4x200 libre feminino e a prata no masculino da mesma distancia así como no feminino do 4x100. Nas probas por equipos, o equipo pontevedrés conseguiu tamén o bronce no 4x100 libre masculino e no 4x100 estilos).

A nivel individual destacaron como medallistas Sofía Barros con catro ouros, Iker Pérez con dous ouros e dúas pratas, Alba Castro con tres ouros, Gisèle Rocha cun ouro, dúas pratas e un bronce, Adrián Méndez- Benegasi con tres bronces, Pedro Barros cun ouro e dous bronces, Carmen Fariña cun bronce, Olivier Rocha con dúas pratas e dous bronces e Mara Vidal cunha prata e tres bronces.

Ademais destes resultados, o CN Galaico contará no próximo campionato de España infantil de verán con sete nadadores que conseguiron a súa marca mínima no autonómico.

A próxima semana celébrase en Ourense o campionato galego absoluto, no que o equipo pontevedrés confía en conseguir novas marcas mínimas para o nacional.