O CN Galaico exhibe músculo no autonómico absoluto e júnior de verán

Pontevedra
12 de xullo 2023

A remuda feminina conseguiu unha medalla de ouro e outra de prata e, no plano individual, Antía Otero foi a máis destacada co seu triunfo no 50 libre

A base do CN Galaico participa na Guarda no trofeo Codesal
A base do CN Galaico participa na Guarda no trofeo Codesal / CN Galaico

A celebración do campionato galego de natación de categoría absoluta e júnior volveu situar o CN Galaico como un dos grandes dominadores da natación autonómica. O equipo pontevedrés conseguiu subir ao podio no cadro feminino, foi sexto na clasificación conxunta e duodécimo na masculina. As baixas no equipo dos mozos impediron conseguir mellores puntuacións.

En categoría júnior, o equipo foi sétimo no ranking feminino, noveno, no masculino; e décimo, no global. 

Pero foi a nivel individual onde máis brillaron os nadadores pontevedreses. Antía Oteiro, que non puido disputar todas as súas probas por un proceso alérxico, foi a máis destacada ao conseguir a medalla de ouro no 50 libre. A súa compañeira Alicia Bouzas foi segunda nos 400 estilos e as 200 costas. Ademais, a júnior Paula Fariña subiuse ao podio por partida dobre, prata nos 400 estilos e bronce na 200 braza. Nadia de la Fuente tamén conseguiu un terceiro posto na 200 bolboreta júnior.

No cadro masculino, o mellor foi Nicolás Vázquez. O júnior conseguiu tres medallas, dúas pratas na 50 braza e 100 braza, ademais dun bronce na 200 braza.

Nas probas por equipo, as nadadoras do CN Galaico demostraron o seu dominio logrando un ouro no 4x200 e unha prata no 4x100 en categoría absoluta.

Doutra banda, os máis pequenos da escuadra lerezana participaron na Guarda no trofeo Codesal, no que o nutrido grupo, formado por 18 nenos e 17 nenas, alcanzou un destacado segundo posto.