O Concello asumirá o gasto de colocar a pista azul para o Teucro-Barcelona

Pontevedra
05 de maio 2016

A montaxe da pista, que será cedida polo Ademar León, rolda os 5.000 euros e paralizará a actividade deportiva no Pavillón Municipal dos Deportes durante tres días. O Teucro expoñíase a unha multa de ata 30.000 euros se non instalaba a pista azul para este partido ao ser televisado por Movistar+

Pavillón Municipal dos Deportes durante un partido do Teucro Diego Torrado

O Teucro xa pode respirar tranquilo ante o choque televisado do próximo mércores 11 de maio ante o Barcelona no Municipal.

O Concello de Pontevedra anunciou que custeará a instalación da pista azul no pavillón, obrigatoria para os choques retransmitidos por Movistar +, acabando coa incerteza dunha nova multa para o club, en caso de non colocar a pista, que podería ascender ata 30.000 euros.

A instalación desta pista de caucho azul, que só ten pintadas as liñas de xogo de balonmán, supoñerá un desembolso económico próximo aos 5.000 euros e paralizará a actividade deportiva do Pavillón Municipal durante tres días, segundo anunciou o goberno local.

Tras negociar con Cangas e León a cesión da pista que teñen en propiedade, finalmente o Ademar de León será o que a prestará. O custo de 5.000 euros correspondería ao transporte, instalación, montaxe e desmonte, pois é necesario que se despracen varios operarios. Chegará a Pontevedra o martes 10 de maio e estará de volta en León o sábado 14.

Desta forma ponse solución a un asunto que ameazaba con causar un grave prexuízo económico ao Teucro. Polo menos polo momento, xa que no club azul témese que a situación se repita ante o Huesca se, como esperan, xóganse a permanencia na última xornada de liga.