O Concello buscará alternativas para os ximnastas á espera do novo pavillón da Parda

Pontevedra
02 de outubro 2019

O edil de Deportes, Tino Fernández, recoñece que a cidade ten carencia de pavillóns e pide paciencia aos ximnastas ata que o Concello atope unha solución provisional

Campionato de España de Ximnasia Trampolín celebrado no Pavillón Municipal (ARQUIVO)
Campionato de España de Ximnasia Trampolín celebrado no Pavillón Municipal (ARQUIVO) /

As malas condicións de adestramento que teñen que soportar a diario os ximnastas do Ximnasia Pontevedra non pasan desapercibidas para o goberno local. Despois da denuncia do nove veces campión de España de tumbling, Adrián Soliño, das pingueiras, humidades e temperaturas extremas que sofren a diario nas súas sesións, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, admite que "é unha débeda pendente que temos con eles".

A solución aos seus problemas está deseñada, pero non será inmediata. No proxecto do novo complexo deportivo que se edificará na Parda está planeado un módulo propio destinado unicamente aos clubs de ximnasia rítmica e acrobática da cidade, pero "isto non se vai a facer nun ano, é un proxecto que nos gustaría executar ao longo deste mandato", recoñece o edil.

Mentres tanto, "tentaremos parchear a situación, pídolles paciencia", solicita. Co obxectivo de atopar algunha medida provisional, Fernández expresou a PontevedraViva o seu desexo de manter unha reunión cos ximnastas para coñecer as súas necesidades e ofrecerlle algún tipo de alternativa. "O pavillón da Xunqueira mellorouse algo porque antes chovía dentro, tentaremos facer algo para melloralo", proponse.

O concelleiro recoñece que en Pontevedra "existe un déficit de pavillóns", pero contactará cos ximnastas nos próximos días co obxectivo de encontrar unha solución que lles permita seguir conseguindo vitorias a nivel nacional e mesmo, no caso de Melania Rodríguez, optar a unha praza nos Xogos Olímpicos de Tokio.