O Club Baloncesto Arxil xa coñece o calendario que lle espera na Copa Galicia, competición que estruturará a súa pretempada e que supoñerá unha boa proba de nivel para as de Mayte Méndez.
A Federación Galega de Baloncesto realizou o sorteo da primeira fase, na que se enfrontan os catro equipos galegos que militan na Liga Feminina 2.
No mesmo as pontevedresas quedaron emparelladas co Cortegada de Vilagarcía, ante o que xogarán o 9 de setembro no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
En caso de avanzar, as verdes volverían xogar en casa o 14 de setembro ante o vencedor do partido entre Celta e Ensino de Lugo.
O equipo que se impoña nesta primeira fase xogará a final da Copa Galicia o sábado 17 de setembro no pavillón vigués de Navia. Alí espera o único equipo galego que milita na máxima categoría, o Universitario de Ferrol.