O deporte, unha arma para visibilizar que a diabete "non te para"

Pontevedra
07 de novembro 2017

Preto de medio milleiro de participantes, nenos e adultos, anotáronse xa na cuarta edición da Milla Urbana Solidaria organiza por Anedia con motivo do Día Mundial da Diabete e que se celebrará o sábado 11 de novembro. A asociación prepara unha serie de actividades na cidade, que pretenden tinguir de azul

Presentación da IV Milla Urbana Solidaria de Anedia
Presentación da IV Milla Urbana Solidaria de Anedia / PontevedraViva

A Asociación Anedia prepara unha serie de actividades na cidade para conmemorar o Día Mundial da Diabete, nas que o deporte volverá ser protagonista.

O acto central terá lugar o sábado día 11 coa IV Milla Urbana Solidaria, para a que xa se inscribiron preto de medio milleiro de participantes entre nenos e adultos.

"Queremos que todo o mundo saiba que a diabete tipo 1 non nos para", explicou a presidenta de Anedia, Ana Pérez, para reivindicar o dereito aos nenos e nenas a participar "en calquera actividade con seguridade".

As inscricións para este evento son de balde e permanecerán abertas ata o vindeiro xoves día 9 de novembro na web www.carreirasgalegas.com.

Como novidade por primeira vez o circuíto da Alameda de Pontevedra estará homologado pola Real Federación Española de Atletismo, o que dará validez ás marcas que se obteñan e "fai que sexa tamén unha carreira importante", sinalou Gonzalo Méndez, colaborador das xornadas no seu apartado deportivo.

Desde as 16:30 horas iranse sucedendo as diferentes carreiras en todas as categorías, empezando polas inferiores. Ademais ás 17:40 chegará a quenda da Milla Popular e ás 18:00 a competición federada.Tamén se habilita a opción de participar na 'andaina' que pechará os actos. Antes, ás 12:00 horas, terá lugar unha exhibición de ximnasia a cargo do Club Treboada.

A organización pide a participantes e público que acuda á Milla con roupa de cor azul, co que se identifica a reivindicación de Anedia, xa que a súa intención será tinguir a cidade de azul durante estas xornadas.

Ademais da vertente deportiva, os actos polo Día Mundial da diabete completarase con varios actos. O día 13 iluminarase de azul o edificio do Concello de Pontevedra na Praza de España, coa actuación do grupo de gaitas Retrouso de Cela ás 19:00 horas e un flashmob preparado por nenos e nenas da asociación ás 19:30 horas. Pola súa banda o martes 14 realizaranse actividades nos comedores escolares xestionados por Arume e celebrarase unha charla ás 19:00 horas na Casa Azul co título 'Como afrontar a diabete na adolescencia'.