O encoro de Verducido convértese no centro de alto rendemento para os canoistas españois

Pontevedra
25 de agosto 2021

O acordo subscrito entre as federacións española e galega sitúa ao complexo pontevedrés como a referencia para o novo ciclo olímpico do equipo nacional masculino de canoa e no lugar de preparación dos mundiais júnior, sub 23 e absoluto tanto masculino como feminino do próximo mes de setembro  

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, no selectivo de Verducido
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, no selectivo de Verducido / Federación Galega Piragüismo

O complexo deportivo David Cal situado no encoro do Pontillón do Castro en Verducido será a partir de agora a base dos adestramentos de preparación da delegación española para os campionatos do mundo júnior, sub 23 e absoluto na modalidade de canoa masculina e feminina. Ademais, o propio centro acollerá o desenvolvemento do programa de alto rendemento para a canoa masculina en augas tranquilas.

Esta adxudicación xa é unha realidade despois do acto protocolario de firma do convenio de colaboración entre os presidentes da Real Federación Española de Piragüismo, Pedro Pablo Barrios, co seu homólogo galego, Alfredo Bea. Un fito no que estivo tamén presente o secretario xeral para o deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa. 

Estes dous acordos volven situar a Galicia como un referente do piragüismo nacional e internacional como xa se demostrou nos Xogos Olímpicos, nos que dous das sete medallas do piragüismo español tiveron acento galego. 

Na práctica, este pacto tradúcese no desembarco en Galicia durante estes días do equipo nacional de canoa tanto masculino como feminino para a preparación do mundial júnior e sub 23 que terá lugar en Portugal, entre o 3 e o 6 de setembro; así como o de categoría absoluto que se celebrará en Copenhague a partir do 16 de setembro.

Ademais, algúns dos canoístas que se trasladaron a Sevilla para preparar o pasado ciclo olímpico regresarán agora a Galicia, onde xa se atopa o groso do equipo sub 23 que pugnará para estar nos próximos Xogos Olímpicos.