O "equipo revelación" da liga examina a melloría e as aspiracións do Arxil

Pontevedra
26 de xaneiro 2017

O equipo pontevedrés cambia de horario e recibirá o vindeiro domingo (12:00 horas) no CGTD ao Joventut Les Corts catalán, terceiro clasificado. Un triunfo permitiríalle achegarse a só dous triunfos da zona de play off

Arantxa Mallou no partido entre Arxil e ADBA Avilés Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil quere confirmar as boas sensacións deixadas polo equipo na última xornada de liga, ante o ADBA Avilés, e deixar atrás definitivamente os problemas que lastraron o seu rendimineto nos últimos meses, entre lesións e a inesperada saída de Waleska Pérez.

Agora, recuperado no anímico, o equipo adestrado por Mayte Méndez atópase a tres vitorias da zona de play-off, pero na próxima xornada ten unha gran opción de recortar distancias e demostrar que non se deu por vencido esta tempada.

As verdes reciben no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, nun día e hora pouco habitual (domingo, 12:00 horas), ao Joventut Les Corts, "equipo revelación" esta tempada, segundo sinalan desde o club pontevedrés, que marcha na terceira praza.

Un triunfo permitiría ao Arxil poñerse a dous do play-off e gañar o average ao cadro catalán, ao que xa venceron no encontro de ida. Ademais poderían recortar a distancia con outros rivais ante a difícil saída do Cortegada á pista do Sant Adriá, segundo clasificado.

Para este choque Mayte Méndez só contará cunha baixa, a de María Centeno por lesión, pero poderá contar co resto do plantel á súa disposición, incluída a recentemente chegada Arantxa Mallou que disputará así o seu segundo partido coa camiseta verde.