O estado de Rufo, unha preocupación máis para o Pontevedra

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

A falta de concretar aínda o seu diagnóstico coas probas médicas pertinentes, o estado do dianteiro inquieta na casa granate, tras abandonar este domingo o estadio co brazo en estribeira e xesto de evidente preocupación

Rufo abandona o campo lesionado no partido entre Pontevedra e Racing de Ferrol en Pasarón Cristina Saiz

Adóitase dicir que a can fraco todo son pulgas. Pois no Pontevedra ese devandito ten este luns 18 de xaneiro un nome propio, o de Rufo.

O dianteiro madrileño tivo que pedir o cambio no minuto 73 de partido despois de facerse dano na zona do ombreiro esquerdo nunha pugna cun rival.

"Le molesta la clavícula, la zona del hombro pero no sabría decir el diagnóstico", comentou na sala de prensa tras o encontro o técnico do equipo, Jesús Ramos.

O certo é que é unha situación que preocupa na casa granate, ao poder perder para as próximas semanas a un dos seus referentes, xusto coincidindo co regreso ao equipo do seu compañeiro de ataque Charles, cumprida a súa sanción e cando chega a fase decisiva da competición.

Unha ausencia que nun plantel curto como a do Pontevedra pode supoñer unha gran diferenza dentro dunha liga tan igualada como a actual.

A falta de concretar aínda o seu diagnóstico coas probas médicas pertinentes, a realidade é que inquieta e moito o seu estado, sobre todo ao comprobar como abandonaba o domingo o Estadio Municipal de Pasarón co brazo en estribeira e un evidente xesto de preocupación, que ía máis aló da derrota e a mala imaxe do equipo sobre o verde.

Todo un problema para Jesús Ramos para o que asoma no calendario, unha dobre saída aos campos de Unionistas e Celta B á espera de recolocar a xornada aprazada fronte ao Guijuelo.