O Fisgón contrata un preparador físico para preparar o playoff

Marín
11 de maio 2020

O equipo marinense tratará de conseguir o ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino despois de que a RFEF acordase suspender a liga regular e disputar unicamente a fase de ascenso

O Fisgón acabou a liga regular en segunda posición
O Fisgón acabou a liga regular en segunda posición /

A máxima categoría do fútbol sala feminino pode ter a próxima tempada un novo representante pontevedrés. A decisión da Real Federación Española de Fútbol de dar por terminada a liga regular e disputar unicamente as fases de ascenso, permitirá ao Fisgón competir por unha praza en Primeira División.

A pesar de que as xogadoras do primeiro equipo seguiron adestrando en casa durante a corentena, o ritmo competitivo caeu de forma inevitable. Co obxectivo de regresar á competición da mellor forma posible, a directiva do cadro marinense contratou ao preparador físico Ánder Muñoz Vitoria.

O obxectivo deste profesional será, en coordinación coa adestradora Pili Costa, establecer a planificación de adestramentos para a volta á competición para mellorar o rendemento co firme obxectivo de lograr o ascenso.

O salto de categoría non era unha das metas fixadas pola dirección deportiva para esta tempada. O Fisgón Futsal fixouse como obxectivo asentar o club na división de prata, estruturar e aumentar a escola e establecer a base para loitar polo ascenso no próximo curso. A boa tempada realizada polas xogadoras marinenses adiantaron os prazos.