Así queda a Copa da Raíña para o Poio Pescamar e os play-off de O Fisgón e Leis

Pontevedra
12 de maio 2020

A Real Federación Española de Fútbol publicou este martes una circular na que explica como se reorganizarán todas as competicións pendentes, e a fase final da Copa disputarase finalmente a próxima tempada  

Partido de Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Ourense Envialia
Partido de Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Ourense Envialia / Diego Torrado

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) foi adiantando nas últimas semanas detalles de como quedarían as competicións nacionais de fútbol e fútbol sala tras a suspensión a causa do coronavirus, pero non foi ata este martes 12 de maio cando a través dunha circular deu oficialidade aos acordos adoptados pola súa comisión delegada.

Entre os aspectos que quedaran eclipsados polas medidas anunciadas para categorías como a Segunda B de fútbol, atópase unha competición moi importante para o Poio Pescamar, que se clasificou por primeira vez na súa historia para a fase final da Copa da Raíña co obxectivo de pelexar polo seu primeiro título de nivel nacional.

Cancelada a liga e fóra dos postos do play- off polo título, no club vermello importaba que se mantivese a final a 4 copeira, e así se fará aínda que pasa á próxima tempada.

"As semifinais e a final da Copa de  S.M. A Raíña previstas baixo o formato de final a catro, disputaranse ao longo da Tempada 2020/2021 en datas a determinar e acordar cos clubs implicados en función do calendario de competicións nacionais e internacionais de clubs e se seleccións", reflicte a circular federativa.

Desta forma no Poio Pescamar xa poden pensar plenamente nun próximo curso que, entre tantas dúbidas, supoñerá a recado un dos máis emocionantes dos últimos anos.

Ademais do conxunto da Seca, xogarán a fase final da Copa da Raíña o Burela, AD Alcorcón e Universidad de Alicante.

FASES DE ASCENSO PARA LEIS E O FISGÓN

A circular da RFEF tamén establece en relación ao fútbol sala como serán os play- off de ascenso para dous clubs da comarca como son O Fisgón e o Leis Pontevedra.

No caso das marinenses, xogaranse o ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino na cancha do líder do seu grupo da Segunda División, o Viaxes Amarelle coruñés. Primeiro deberán afrontar unha eliminatoria ante as terceiras da táboa, o Valdetires Ferrol, e o equipo que salga vencedor disputará a final polo ascenso frente as anfitrioas. En caso de empate nalgún dos partidos, haberá prórroga e penaltis.

Pola súa banda na Segunda División B masculina o Leis contará cun camiño máis complicado. Na cancha do líder do grupo I, o Atlético Benavente, e como segundo no momento da suspensión, o cadro pontevedrés enfrontarase ao terceiro, o Albense, e no caso de avanzar ao gañador do partido entre Benavente e O Esteo.

Con todo ante o número de grupos e equipos da categoría, se consegue superar esta primeira fase o Leis acudiría a unha terceira eliminatoria cuxa sede será a pista do equipo con mellor coeficiente dos 6 equipos participantes. Alí afrontaría un último partido que en caso de gañar daríalle unha das tres prazas de ascenso á Segunda División. Do mesmo xeito que na categoría feminina establécese a opción de prórroga e penaltis en caso de empate.