Iria Saeta, primeira saída nun Poio Pescamar que empeza a planificar a próxima tempada

Poio
21 de maio 2020

Despexada a incógnita sobre o final da tempada na Primeira División de fútbol sala, o Poio Pescamar empeza a moverse e a estruturar o plantel do próximo curso

Iria Saeta, no partido entre Poio Pescamar e Alicante
Iria Saeta, no partido entre Poio Pescamar e Alicante

Despexada a incógnita sobre o final da tempada na Primeira División de fútbol sala, o Poio Pescamar empeza a moverse e a estruturar o plantel do próximo curso, no que ademais de tentar consolidarse entre os equipos importantes da máxima categoría afrontará o ilusionante reto de xogar a fase final da Copa da Raíña aprazada polo coronavirus.

O conxunto conserveiro non quixo perder o tempo anunciando unha saída e varias renovacións.

No apartado de baixas a que se marcha é unha xogadora de peso, Iria Saeta, coa que se alcanzou un acordo para que non continúe en Poio e que regresará ao Ourense Envialia. A ourensá, na que o club tiña grandes expectativas hai tres tempadas cando conseguiu pechar a súa fichaxe, non logrou mostrar o seu mellor nivel na Seca lastrada polas lesións.

A pesar diso desde o cadro conserveiro "desexámoslle moita sorte no seu novo proxecto e agradecemos o trato e o seu comportamento profesional estes tres anos", sinalaron.

Ademais o Poio Pescamar confirmou a renovación por dous anos da gardameta internacional Caridad, mentres que a canteirá Carol Agulla seguirá no primeiro equipo un ano máis. Por último tamén seguirá Antía Pérez, que se atopa na recta final da recuperación da súa grave lesión de xeonllo, a segunda en dous anos, e que espera na súa terceira campaña en terras pontevedresas poder lograr continuidade no seu xogo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora