Ana Rivera e Mirian Ruiz completan a rolda de renovacións no Poio Pescamar

Poio
28 de maio 2020

A brasileira Daniella Sousa tamén continuará no conxunto conserveiro, que pechou a renovación de sete xogadoras e avanza con paso firme na  compososición do persoal da próxima tempada

Ana Rivera, no partido entre Poio Pescamar e Bilbo na Seca
Ana Rivera, no partido entre Poio Pescamar e Bilbo na Seca / Cristina Saiz

Aínda queda moito por diante para comezar a próxima tempada deportiva, pero no Poio Pescamar traballan con paso firme na composición do plantel que dirixirá Manu Cossío.

O conxunto conserveiro foi avanzando ao longo da semana as negociacións coas xogadoras que pretendía reter no proxecto, e asegurou xa a continuidade de sete delas.

En concreto, ás anunciadas inicialmente de Carol Agulla e Antía Pérez, que xa tiñan asegurado un ano máis de contrato, fóronselle unindo Caridad e Silvia Aguete na portería e por último a brasileira Daniella Sousa.

Agora, a primeira rolda de renovacións pechouse con dúas das xogadoras que menos tempo levan en Poio pero das que se espera moito, como a ala-pívot  internacioknal Ana Rivera xunto á ex-futbolista do Jimbee Roldán murciano Mirian Ruiz.

Con estes movementos as vermellas garántense a continuidade de gran parte do núcleo duro do equipo, á espera do que poida suceder cos casos de Clara ou Anna Escribano, coas que aínda non se chegou a un acordo para continuar.