O Froiz copa o podio no Campionato Galego Sub-23

Pontevedra
21 de maio 2018

O equipo pontevedrés conseguiu os tres primeiros postos nesta categoría, mentres que o Cortizo padronés dominou a proba elite

Podio Sub-23 do Campionato Galego de Ciclismo en Ruta
Podio Sub-23 do Campionato Galego de Ciclismo en Ruta / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

Culleredo foi escenario do Campionato Galego de Ciclismo en Ruta con positivos resultados para o Grupo Deportivo Supermercados  Froiz, a pesar de que se resistiu o triunfo absoluto.

A competición elite estivo dominada polo Cortizo padronés, que copou os primeiros postos. O leonés Jesús Nanclares impúxose en liña de meta, pero non podía optar ao título e este foi para o seu compañeiro Anxo Lorenzo.

Pola súa banda o Froiz fíxose coas medallas en xogo na categoría sub-23, na que o seu corredor Diego González, cuarto na xeral, fíxose co ouro acompañado no podio por Carlos Amil e Daniel Rodríguez.

Os ciclistas do conxunto alimenticio foron os primeiros en tensar a carreira animando a outras escuadras para tratar de buscar a fuga de lonxe. Pero os continuos ataques fracasaban ante o alto ritmo do pelotón que marcaba 43,7 quilómetros de media.

Non foi ata pasado o ecuador da proba cando comezou a romper aproveitando Anxo Lorenzo a parte dura do trazado para buscar a meta en compañía do seu compañeiro Nanclares, con quen rodaría en solitario a segunda metade da carreira.

O Froiz tentou organizarse por detrás, pero sen colaboración doutros equipos non conseguiu cazar, chegando os escapados cun minuto de vantaxe á liña de meta.