Chega a hora de estrearse en competición oficial en 2018 para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
O equipo ciclista pontevedrés inicia tempada viaxando a Cidade Real para participar no XIX Memorial Manuel Sanroma, unha competición de dúas xornadas que terá lugar o sábado 17 e o domingo 18 de febreiro.
A primeira das etapas previstas conta cun percorrido de 105 quilómetros sen apenas dificultades que está destinado a un final ao sprint, mentres que a segunda xornada contará con 150 quilómetros dos cualificados como 'rompepernas', nos que se poderá ver o estado de forma dos corredores do Froiz.
Será unha boa oportunidade para testar o equipo a unha semana de que arranque a Copa de España Elite e Sub-23 co Circuíto do Guadiana, en Estremadura.
Os ciclistas que defenderán as cores do Froiz no Memorial Manuel Sanroma son: Diego Noriega, Sergio Vega, Carlos Amil, Aarón Mariño, Martín Lestido, Aitor Bugarín e Iván Martínez.