O Froiz faise co liderado na primeira xornada da Volta a Galicia

Pontevedra
21 de setembro 2018

O equipo alimenticio impúxose na contrarreloxo por equipos celebrada en Verín convertendo a Óscar Brea no primeiro líder da xeral. Os de Evaristo Portela deberán defender agora os 12 segundos de  rentaa conseguidos

O Froiz, na crono por equipos da Volta a Galicia 2018 Grupo Deportivos Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados  Froiz comezou con bo pé o seu defensa da Volta a Galicia de ciclismo, ao impoñerse na contrarreloxo por equipos da primeira xornada, disputada en Verín.

A escuadra alimenticia foi a máis rápida dos 18 equipos en liza cun tempo de 11 minutos e 33 segundos, superando en 12 segundos o Lizarte e en 16 o Cortizo.

Evaristo Portela decidiu que Óscar Brea fose o primeiro dos seus corredores en cruzar a liña de meta, polo que se converteu no primeiro líder da competición.

Agora o Froiz, que rodou a unha media superior ao 51 km/ h, deberá defender a súa renda nas tres esixentes etapas que quedan por diante, empezando este mesmo venres en Sanxenxo.