O Froiz roza o triunfo na segunda etapa da Volta Galicia e métese de cheo na pelexa pola xeral

Pontevedra
17 de setembro 2021

O corredor alimenticio Daniel Jiménez foi segundo en Ponteareas nun reducido sprint de 7 unidades e o seu compañeiro Ramón Fernández colócase tamén segundo pero na xeral, a 8 segundos do líder

Daniel Jiménez (esquerda) no podio da segunda etapa da Volta Galicia Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Paso adiante do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na Volta Galicia de ciclismo na estrada.

Tras a estrea da rolda cunha contrarreloxo en Ponteareas na que se impuxo Marc Brustenga (Caja Rural), a primeira etapa en liña disputada este venres na mesma localidade pontevedresa tivo no equipo alimenticio a un dos seus protagonistas.

Nunha xornada con 143 quilómetros de percorrido, Daniel Jiménez e Ramón Fernández lograron con esforzo meterse na fuga importante do día, de 10 unidades, despois de superar a segunda dificultade montañosa.

Entre eles ía estar o triunfo parcial, e tentouno Fernández atacando con outro corredor subindo o alto de Vilasobroso a case 8 quilómetros de meta, pero foi neutralizado a 2.000 metros da chegada decidíndose todo nun reducido sprint de 7 ciclistas.

O vencedor foi finalmente Francisco Javier Agea (Gomur), con Daniel Jiménez na segunda posición e Ramón Fernández na quinta.

Con este resultado e a falta de dúas etapas máis, o propio Ramón Fernández ascende ata a segunda praza da xeral, a só 8 segundos do líder Álex Martín (Eolo Kometa), e pasa tamén a liderar a clasificación da montaña.

A noticia negativa para o Froiz foi o abandono dunha das súas principais bazas, Pablo Alonso, polo falecemento do seu avó.