Unha variante do fútbol na que non se pode correr nin tocar ao rival. Unha modalidade integradora na que non importa a idade, a condición física nin o xénero. Iso é o fútbol a pé, unha disciplina física que cada día suma máis adeptos e que se dará a coñecer cunha exhibición este venres no paseo de Montero Ríos, en Pontevedra.
A actividade forma parte do programa da concellería de Deportes "A Vida é Movernos" e este martes foi presentada na praza de España. "Volvemos este venres cunha modalidade nova que ten moito tirón e futuro como é o fútbol e pé. Fomenta a actividade física para persoas de todas as idades, de condicións físicas e para ambos sexos. Ademais tamén permite socializar, reunirse e botar unhas risas; que nestes tempos onde a tristeza nos consume todo o que poida axudar a pasalo un pouco mellor sempre será benvido pola concellería de Deportes e Saúde", declarou o concelleiro Tino Fernández.
Ademais da exhibición deste venres, para a que xa está aberto o prazo de inscrición a través do correo [email protected], haberá outras dúas actividades previstas para os días 20 de maio e 19 de xuño.
"O fútbol a pé e unha nova alternatriva de lecer, deporte e saúde orientada ao maior número de xente posible sen distinción de xénero, de idade nin de forma física", explica o director desta disciplina na provincia, José maría Rial, quen destaca que xa contan con preto dun centenar de xogadores.
O fútbol a pé preséntase como unha medida para acabar co sedentarismo, para combater problemas relacionados coa saúde mental como a tristeza ou a ansiedade e para socializar. "Temos xente que non saía da casa ou que tiña algún problema de relacións e que agora volven atoparse con xente da súa idade, do equipo de xuvenís ou da pandilla de amigos. É un deporte que apasiona", remarca Rial.
Outro aspecto rechamante desta modalidade é o seu carácter interxeracional. "O venres virán unha nai e a súa filla e tamén un avó, pai e neto", destaca o promotor desta iniciativa moi satisfeito por ver a familias enteiras practicando deporte e pasando tempo xuntos.
Aínda que a dinámica é moi similar á do fútbol convencional, esta modalidade presenta algunhas particularidades."Non se pode correr, non hai contacto físico e hai só tres toques de balón antes da acción técnica posterior", puntualiza Rial. Ademais, para que un gol sexa válido todos os integrantes do equipo atacante deben estar no campo do rival, mentres que os defensores deben estar no seu propio campo antes de que o rival anote gol, pola contra, o tanto valerá o dobre.
Ao fútbol a pé xogan dous equipos formados por cinco xogadores de campo e un porteiro nunha superficie de 60 por 30 metros, "un campo de fútbol once cortado a metade", resume Rial facendo un chamamento á participación, que é gratuíta.