O Galaico, dá a talla no primeiro Campionato Galego de Augas Abertas

Pontevedra
20 de setembro 2017

A pesar das ausencias de dúas das súas principais nadadoras nesta especialidade, Paula Goyanes e Águeda Cons, o club pontevedrés encabezou a clasificación feminina da competición celebrada na praia coruñesa de San Amaro

Equipo do Galaico que competiu no Campionato Galego de Augas Abertas Club Natación Galaico

A praia coruñesa de San Amaro foi escenario a pasada fin de semana da estrea dunha nova competición, o Campionato Galego de Natación en Augas Abertas, con inmellorable resultado para o Galaico.

O club pontevedrés, a pesar de presentarse na cita coa ausencia das súas dúas principais bazas nesta especialidade, como son Paula Goyanes e Águeda Cons, conseguiu encabezar a clasificación por equipos na categoría feminina.

Fíxoo por unha estreita marxe, ao acumular 67 puntos polos 66 do Club do Mar e os 48 do CN Ponteareas, segundo e terceiro respectivamente.

Ademais os mozos fixéronse coa medalla de bronce con 80 puntos, superados por CN Riveira (85 puntos) e Club del Mar (114 puntos)..

O Galaico desprazou ata A Coruña a un equipo composto por 23 nadadores, que se enfrontaron a unha distancia de 5.000 metros no caso dos junior e absolutos, 2.500 metros no caso dos infantís e master e 1.250 metros no dos máis pequenos, os alevíns.