O Galaico, mellor club do Campionato Galego Júnior de natación

Pontevedra
17 de febreiro 2015

Varios nadadores pontevedreses lograron a marca mínima para o Campionato de España que se disputará dentro de dúas semanas en Cádiz

Nadadores do Galaico no Campionato Galego Júnior Federación Galega de Natación

Con só oito nadadores en competición, catro rapazas e catro rapaces, o Club Natació Galaico proclamouse mellor equipo do Campionato Galego Júnior de Natación, celebrado a pasada fin de semana na piscina Rosario Dueñas de Ourense.

O club pontevedrés contaba con menos deportistas que algúns dos seus rivais, pero finalizou con 626,5 puntos por diante San Amaro (591,5) e Pabellón Ourense (394,5) grazas ao segundo posto do equipo feminino e tamén do masculino.

Ademais das medallas, o máis positivo para os pontevedreses foron as marcas logradas, que en moitos casos supoñen a mínima para o Nacional que se disputará dentro de dúas semanas en Cádiz.

Pola súa banda os infantís do Galaico lograron a quinta posición da xeral na categoría infantil.

En canto aos nomes propios Nuria Erselle logrou senllos ouros nos 100 e 200 costas; Águeda Cons foi ouro nos 100 libre e prata nos 400 estilos; Inés Gómez foi segunda nos 400 e 800 libre; Lara Gómez logrou o bronce nos 200 bolboreta e Daniel Sánchez ouro en 400 estilos, prata en 100 costas e bronce en 400 libre e 200 estilos. Todos eles en categoría júnior.

En infantís Juan David Hernández foi ouro nos 200 braza e bronce nos 100 libre, 100 bolboreta e 200 estilos; Cibrán Leal bronce en 100 e 200 braza e Carla Goyanes ouro nos 200 bolboreta.

Ademais o relevo masculino júnior composto por Daniel Sanchez, Jacobo Ucha, Tomás Bouzas e Miguel Gallego impúxose no 4x100 e o 4x200, mentres o feminino composto por Nuria Erselle, Agueda Cons, Lara Gómez e Ines Gómez fixo o proio nos 4x100 libre e 4x100 estilos.

En categoría infantil o relevo 4x100 estilos masculino (Fran Castro, Cibran Leal, Juan David Hernández e Alejandro Torres) foi terceiro.

Pola súa banda, sen lograr medalla, Hernán Cons logrou a mínima para o Nacional nos 200 estilos.