Menos dun segundo separou o Club Natación Galaico da súa primeira medalla no Campionato de España de Inverno de Natación que se está celebrando en Xixón.
Na primeira xornada de competición, María Vilas rozou o podio na proba dos 400 libre. A ribeirense clasificou pola mañá co terceiro mellor tempo das participantes (4:10.95) e xa pola tarde na quenda final finalizou cuarta (4:09.38), moi preto do bronce que levou África Zamorano (4:08.43), mentres que Paula Juste e Ainhoa Campabadal foron ouro e prata respectivamente.
Na mesma proba competiu a pontevedresa Carla Goyanes, cun tempo de 4:27.50 que a deixou no posto 33 da rolda preliminar.
Bea Gómez Cortés pola súa banda nadou os 100 estilos, aínda que quedou a un paso de entrar na final. A nadadora olímpica foi novena na quenda de clasificación (1:04.06) véndose relegada a unha final B de consolación na que logrou o sexto posto (1:04.41).
Completou a participación do Galaico na primeira xornada do Nacional de Piscina Curta, nos 100 estilos masculinos, Daniel Sánchez asinando o posto 35 na rolda preliminar (58.32).
O Campionato de España de Inverno de Natación prolongarase aínda ata o domingo 17 de novembro.