O gardameta Santi Canedo comprométese co Pontevedra

Pontevedra
29 de xuño 2016

O porteiro galego, de 20 anos e natural de Carballo, chega á cidade de Lérez procedente do Sevilla Atlético, tras formarse nas canteiras de Deportivo e Atlético de Madrid. Firma por unha tempada

Santi Canedo nun partido da UEFA Youth League co xuvenil do Atlético de Madrid
Santi Canedo nun partido da UEFA Youth League co xuvenil do Atlético de Madrid

O Pontevedra atopou recambio para Vicente Company, que abandonou o club ao finalizar a tempada, e confirmou a contratación dun novo gardameta coa intención de que pelexe polo posto de titular con Edu Sousa.

Trátase de Santi Canedo, porteiro galego de 20 anos, natural de Carballo e formado nas canteiras de Deportivo e Atlético de Madrid, club co que asinou o seu primeiro contrato profesional defendendo a meta do terceiro equipo da entidade.

Con todo Canedo chega á cidade de Lérez procedente do Sevilla Atlético de Segunda División B. Asinou cos andaluces o pasado verán para xogar en Terceira División, pero as lesións no primeiro equipo déronlle a oportunidade de dar o salto ao filial, co que foi gardameta suplente (xogou un partido de liga) e terminou ascendendo a Segunda División.

O futbolista carballés formouse no Deportivo ata a idade cadete, na que emigrou a Madrid, pasando polo cadete, xuvenil e o C da entidade madrileña. Neses anos encadeou varias convocatorias coa Selección Española Sub-16 e Sub-17.

Santi Canedo convértese así na novena fichaxe do Pontevedra, vinculándose ao club granate por unha tempada.

O REAL VALLADOLID, PRIMEIRO RIVAL DE PRETEMPADA

Noutra orde de cousas, o club granate deu a coñecer o seu primeiro compromiso de pretemporada con motivo do Trofeo Cidade de Pontevedra.

Os granates repetirán rival estival coa visita ao Estadio Municipal de Pasarón do Real Valladolid, equipo que milita na Segunda División. O choque disputarase o domingo 31 de xullo ás 20:00 horas.