O Izarra, rival do Pontevedra, ameaza con retirarse se se mantén a repartición de Segunda B

Pontevedra
06 de xullo 2016

O club navarro asegura sentirse "humillado, menosprezado e notablemente prexudicado" por quedar encadrado no Grupo I xunto a galegos, asturianos, castelán-leoneses e cántabros e anuncia que consultará aos seus socios a proposta de retirarse da competición por non poder asumir os gastos de desprazamento

Partido entre Pontevedra e Izarra en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Izarra en Pasarón

Un ano máis a proposta de composición de grupos na Segunda B levantou bochas nalgúns territorios, que se senten gravemente prexudicados.

Esta vez non é Galicia a comunidade peor parada, como en ocasións nas que se enfrontou case exclusivamente a rivais madrileños e canarios, pero a repartición motivou as queixas de varias federacións territoriais.

Neste aspecto a principal voz discordante chega desde Navarra, cuxos equipos están acostumados a xogar contra rivais de País Vasco ou A Rioxa e que agora quedaron encadrados no Grupo I xunto a galegos, asturianos, cántabros e castelán-leoneses.

Un dos rivais do Pontevedra, o Izarra, plantéxase mesmo renunciar á categoría "por non poder facer fronte aos gastos de desprazamento".

Así o asegurou nun comunicado, no que asegura sentirse "humillado, menosprezado e notablemente prexudicado" e confirma que consultará aos socios se deben retirarse da competición. Farano nunha asemblea convocada para este xoves 7 de xullo.

A situación non é nova, xa que hai un ano o propio Izarra e o Peña Sport ameazaron tamén con renunciar a competir tras ser encadrados, como nesta ocasión, no Grupo I.

"Navarra é a comunidade máis castigada por esta repartición dos grupos e o é por segundo ano consecutivo. É unha vergoña como se realiza esta composición e o peor é que o resto de clubs dean o visto e prace tan alegremente", sinalou no comunicado o presidente do Izarra, Alfonso Canela.

Tras a proposta da Comisión Mixta, é a Real Federación Española de Fútbol a que debe ratificar a composición da Segunda B. Farao, segundo o previsto, o próximo 15 xullo.