Sen présa. Así toma o Pontevedra a recta final do traballo de planificación do primeiro plantel. Asegurada a columna vertebral do equipo, só falta poñer a guinda ao novo proxecto coas pezas máis cobizadas do mercado, os dianteiros.
Actualmente o club granate conta con 19 futbolistas en nómina, pero tras a saída de Borjas Martín non se atopa entre eses xogadores ningún punta nato.
A dirección deportiva traballa en incorporar a eses dous dianteiros, pero a competencia é dura con outros equipos punteiros da categoría, que tamén buscan reforzar esa posición.
Polo momento Luisito, que ten previsto iniciar a pretemporada o vindeiro luns 18 de xullo, conta no equipo cos gardametas Edu Sousa e Santi Canedo (Sevilla Atlético), os defensas Capi, Adrián, Bruno, Miguel Loureiro, Dani Portela (Compostela) e Javier Bonilla (Leioa), os centrocampistas Kevin Presa, Álex Fernández, Jacobo, Mouriño, Álex González (Lealtad), Jacobo Trigo (Logroñés), Iker Alegre (Logroñés), Abel Suárez (ACS Poli Timisoara), Gonzalo (Arandina) e David Añón (Somozas) e o dianteiro Miki, que regresa da súa cesión de media tempada no Rápido de Bouzas.
A pesar da ausencia de dianteiros natos, entre a nómina de centrocampistas atópanse xogadores de características ofensivas e que actuaron en ocasións nos últimos anos de segundo punta como David Añón ou Iker Alegre.
Os SOCIOS DO IZARRA APOSTAN POR SEGUIR EN 2ªB
A pesar da ameaza do Izarra, rival do Pontevedra, de retirar ao equipo da Segunda B tras a repartición dos grupos de competición, os socios do club navarro decidiron en asemblea seguir adiante e manterse na división de bronce do fútbol nacional.
Con todo a directiva mantén que lle faltan recursos económicos para afrontar a liga e comprometeuse a "loitar para conseguilo".