O Internacional de Madrid, un debutante que empezou con forza na Segunda B

Pontevedra
19 de setembro 2018

O próximo rival do Pontevedra é un equipo novo, fundado no ano 2002, e que esta campaña debuta na categoría de bronce do fútbol nacional. Mudou hai un ano a Boadilla del Monte e conta nas súas filas con xogadores experimentados na Segunda B, como o ex-granate Álvaro Muñiz

Aliñación do Internacional de Madrid
Aliñación do Internacional de Madrid / Internacional de Madrid

É o que ten esta Segunda División B de catro grupos e 80 equipos. Nela mestúranse clubs con gran historia, afección, infraestruturas e aspiracións, como o Pontevedra, e outros dun ADN totalmente oposto, como o seu próximo rival, o Internacional de Madrid.

O conxunto madrileño, cuxo nome completo é Sección de Acción Deportiva Club de Fútbol Internacional de Madrid Deportes Sociedad Limitada aínda que é máis coñecido como Internacional de Madrid ou simplemente Inter, estréase esta tempada na Segunda División  B.

Trátase dun club de nova creación, fundado no ano 2002 por un grupo de empresarios afeccionados ao fútbol, presidido polo inglés Stephen Newman e que tras debutar na Terceira Rexional foi ascendendo categorías a ritmo frenético. Foi así polo menos ata a Terceira División, na que aterraron no 2010. Alí mantivéronse ata que a pasada campaña proclamáronse campións de grupo e derrotaron na eliminatoria final polo ascenso o filial do CD Tenerife.

O Inter de Madrid foi ademais cambiando de sede. Empezou no barrio madrileño de  Orcasitas, mudouse despois a  Moraleja de  Enmedio e desde hai un ano disputa os seus partidos en Boadilla del Monte.

Alí viaxará o vindeiro domingo (12:00 horas) o Pontevedra, a unha instalación de céspede artificial como as que abundan na capital, o campo da Dehesa, na que debutou con forza o Inter na súa primeira incursión na categoría de bronce, e é que o Internacional é oitavo na clasificación con 6 puntos e aínda non perdeu nas catro xornadas de liga disputadas. Encadeou primeiro tres empates ante Fabril, Sanse e Coruxo e logrou a pasada fin de semana a súa primeira vitoria en Bouzas.

A pesar da humildade da entidade, non debe fiarse o Pontevedra dun plantel na que aparecen nomes de futbolistas con experiencia na Segunda División B. Entre eles destaca un ex-granate como Álvaro Muñiz, ademais do congolés Cedrick, ex-futbolista de equipos como o Numancia, Real Betis e Osasuna en Segunda e Primeira División.