O Interrías inicia en boa posición a carreira polo ascenso á Segunda RFEF

Sanxenxo
22 de marzo 2021

O equipo de Sanxenxo avanza á segunda fase da liga de Primeira Nacional coa mellor puntuación dos aspirantes do Grupo 1, empatado a puntos co Victoria, aínda que con peor coeficiente que o Oviedo Moderno B. Só o campión de grupo loitará finalmente polo ascenso nunha eliminatoria co resto de campións

Partido de Primeira Nacional entre o Viajes Interrías FF e o Victoria FC en San Pedro
Partido de Primeira Nacional entre o Viajes Interrías FF e o Victoria FC en San Pedro / Cristina Saiz

A segunda fase da liga na Primeira Nacional tomou forma, coa presenza do Viajes Interrías entre os aspirantes no grupo que pelexará polo ascenso ao segundo chanzo do balompé feminino nacional, a Segunda RFEF.

O conxunto de Sanxenxo pasa á segunda fase coa maior puntuación de todos os equipos do Grupo 1. Ao unir os dous subgrupos, o A de o Interrías co B, lideran a táboa con 37 puntos empatados co Vcitoria CF e cun punto de vantaxe sobre o Oviedo Moderno B. Un pouco máis lonxe aparecen o Gijón Fútbol Femenino con 33 puntos, o RC Deportivo B con 30 puntos e o Racing Féminas B con 25 puntos. 

Con todo, ao contar cun equipo menos o Subgrupo B, o que en realidade importa é o coeficiente, e o Oviedo Moderno  B sería agora mesmo o rival a bater ao conseguir os seus 36 puntos con dous partidos menos disputados.

Desta forma o Interrías aínda que comeza en boa posición unha carreira de só seis xornadas máis, ida e volta cos equipos clasificados do subgrupo B, non poderá permitirse fallos se quere remontar a situación, xa que só o campión de grupo e o mellor segundo de todos eles gañaranse o dereito para xogar as eliminatorias de ascenso.

Esas eliminatorias serían o último paso cara á Segunda RFEF, un cruzamento a ida e volta no que o vencedor conseguiría o ascenso.

UMIA E AROUSANA, NO GRUPO POLA PERMANENCIA

Pola súa banda o Umia CF e o Atlético Arousana quedaron encadrados no grupo pola permanencia, composto por 11 equipos dos que 5 terminarán perdendo a categoría.

O que peor o ten é o cadro arousán, ao pasar de fase con só 7 puntos e só dous equipos con peores números, mentres que o Umia con 17 mantén as súas opcións aínda que inicia a liguiña en postos vermellos.