O lateral brasileiro Marco Antonio Rodrigues, terceiro reforzo invernal do Cisne

Pontevedra
05 de marzo 2024

O club pontevedrés confirmou este martes a incorporación do primeira liña ata final de tempada. Procede do Balonmano Elda da Primeira Nacional

Marco Rodrigues, novo xogador do Cisne Club Cisne Balonmano

Terceiro reforzo invernal do Club Cisne Balonmán para tentar seguir pelexando polo ascenso á máxima categoría.

O club pontevedrés fixo oficial este martes a incorporación ata final de tempada de Marco Antonio Rodrigues, lateral brasileiro que procede do Balonmano Elda da Primeira Nacional.

Trátase dun primeira liña que conta con experiencia na liga portuguesa, tras militar no ABC Braga e no Artística de Avanca, equipo no que coincidiu co cisneísta Gualther Furtado.

Rodrigues súmase así á lista de reforzos na que xa estaban o central pontevedrés Víctor Fernández e o gardameta húngaro Gabor Decsi.

Coa súa chegada Jabato gana unha peza máis nunha castigada rotación por mor das lesións, un aspecto que pode ser vital no tramo final da liga co Cisne ocupando, a falta de oito xornadas, o último dos postos de play-off.