A Sociedad Deportiva Teucro continúa coa renovación no seu plantel e este mércores confirmou o que é a súa cuarta fichaxe para a próxima tempada.
Trátase do arxentino Guillermo Fischer, xogador que o próximo mes cumprirá 22 anos e que chega procedente do SAG Lombas de Zamora do seu país.
Fischer comprométese cos azuis para as dúas próximas campañas e chega co aval de ser internacional absoluto co seu país. De feito xogou en Pontevedra o pasado mes de xaneiro no Torneo Internacional Domingo Bárcenas no que tamén tomaron parte as seleccións de España, Polonia e Bielorrusia.
"Do mesmo xeito que Natan, Guillermo é un xogador de moitísima proxección" explica o que será o seu novo adestrador, Luís Montes, sobre un xogador que "nos pode achegar moito tanto en ataque como en defensa".
Coa súa envergadura (2 metros de altura), espérase que o lateral esquerdo achegue opcións no lanzamento exterior e tamén na zona central do esquema defensivo.
O Teucro anunciou ata o momento as incorporacións do propio Guillermo Fischer, Fafa Cangiani, Natan Suárez e Davor Cutura e as renovacións de Dani Hernández, Samu Gómez, Juan Quintas e Andrés Moyano.