A través dun comunicado remitido aos medios de comunicación o Leis Pontevedra F.S. confirmou a presentación dunha demanda contra Manuel Piñón, extesoureiro da entidade.
O club presidido por Jose Antonio Nieto toma esta decisión, explica, porque "a día de hoxe non fixo entrega do correspondente libro de actas, de contas e de socios", varios meses despois do seu cesamento, que se remonta ao mes de novembro.
Segundo a entidade deportiva esta decisión tómase "co fin de recuperar todos os libros e con iso a información necesaria para proseguir coa correcta xestión do club" despois de requirir en varias ocasións que se procedese á súa entrega.
Manuel Piñón: "Todo es falso. Los libros de contabilidad los tienen ellos"
Este extremo foi desmentido polo propio Manuel Piñón, que en declaracións a PontevedraViva explicou que "todo es falso. Los libros de contabilidad los tienen ellos, que nos dejaron fuera y cambiaron la cerradura del club".
O extesoureiro e directivo durante 34 anos mantén que "nunca me han llamado" e entende ademais que "este señor lo que se dedica es a difamar", en relación a José Antonio Nieto, porque entre outras cousas "me reclama a mí el libro de socios siendo el tesorero cuando tiene un secretario, tendría que pedírselo a él".
Na súa defensa Piñón tamén revelou que estudan interpoñer accións legais contra Nieto por incumprir as cotas de pagamento dos créditos concedidos ao Leis e avalados polos exdirectivos do club.