O Lugo, rival do Pontevedra para o Luis Otero

Pontevedra
03 de agosto 2015

O partido xogarase no Estadio Municipal de Pasarón o martes 11 de agosto ás 20:30 horas. Será a última ocasión de ver aos granates en acción na casa antes do inicio da liga

Jandrín traballa á marxe do grupo no adestramento no campo da Seca PontevedraViva

Finalmente o Trofeo Luis Otero, na súa LVI edición, xogarase, e farao cun rival de Segunda División para o Pontevedra como é o Club Deportivo Lugo.

O mal estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón desaconsellaba xogar máis encontros na casa antes do inicio da liga, despois do choque do sábado ante o Valladolid, pero a directiva granate decidiu facer un esforzo para conservar un trofeo histórico, que tradicionalmente servía de presentación do equipo.

O partido xogarase o próximo martes 11 de agosto ás 20:30 horas da tarde.

Será a última ocasión para que os afeccionados do Pontevedra comproben a evolución do equipo antes de que comece oficialmente a competición ligueira.

JANDRÍN E ANXO TRABALLAN Á MARXE

A pretempada continúa o seu curso e o primeiro equipo regresou este luns aos adestramentos. Fíxoo con todo o plantel a disposición de Luisito salvo dous futbolistas: Anxo e Jandrín.

O primeiro deles aínda non puido traballar ao ritmo dos seus compañeiros polos problemas físicos que arrastra dende o play-off, mentres Jandrín está afectado dunha sobrecarga na parte posterior da coxa que aconsella precaución, se ben se espera que chegue ao inicio de liga en perfectas condidiones.