O Marín Futsal recibe o Roldán e o Poio Pescamar visita o Burela o 16 de setembro no inicio da nova tempada

Marín
18 de xullo 2023

A RFEF sorteou este martes o calendario da nova tempada da Primeira Federación de fútbol sala feminino na que volverán participar os conxuntos de Poio e Marín

Partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña /

A Real Federación Española de Fútbol sorteou este martes o calendario da nova tempada da Primeira División feminina de fútbol sala, na que volverán competir o Poio Pescamar e o Marín Futsal.

A competición comezará a fin de semana do 16 de setembro e farao cun esixente derbi autonómico con moitas contas pendentes. O Poio Pescamar visitará o Burela, que eliminou ás da Seca no playoff polo título, aínda que na liga regular as pontevedresas acabaron por encima das da Mariña.

Pola súa banda, o Marín Futsal iniciará unha nova andaina na máxima categoría do futbol sala nacional como local recibindo ao Roldán.

O primeiro derbi da ría está previsto para o 16 de decembro, na penúltima xornada da primeira volta, no pavillón da Raña, en Marín.

A primeira volta concluirá unha semana máis tarde e a competición renovarase despois do parón do Nadal, o 13 de xaneiro do 2024.

A fase regular concluirá a última fin de semana de maio para dar paso á final a catro polo título de liga. 

FICHAXES DO MARÍN FUTSAL

O equipo da Raña fixo oficial a fichaxe dunha nova xogadora para a próxima campaña. Trátase de Débora Lavrador, futbolista portuguesa de 27 anos procedente do Sporting de Portugal. Internacional co país luso ata en 10 ocasións e cun subcampeonato e terceiro posto nos dous mundiais universitarios que disputou, a polivalente xogadora achegará experiencia e moita calidade ao persoal de Ramiro Díaz. 

A portuguesa compartirá vestiario coa súa compatriota e excompañeira de equipo, Carolina Pedreira que aos seus 21 anos tratará de seguir sumando experiencia nunha liga tan competitiva como a española.