O Marín Futsal roza a sorpresa no Sequelo fronte ao potente Futsi Atlético (3-4)

Marín
10 de febreiro 2024

O conxunto marinense puxo contra as cordas este sábado o Futsi Atlético Navalcarnero, deixando sensacións positivas a pesar de que a derrota lles impide escapar dos postos de descenso

Partido de liga entre Marín Futsal e Atlético Torcal na Raña
Partido de liga entre Marín Futsal e Atlético Torcal na Raña / Cristina Saiz

Ata o pavillón do Sequelo tivo que mudarse esta semana o Marín Futsal, ao estar A Raña ocupado con outro evento, para recibir un dos clásicos da Primeira División de Fútbol Sala Feminino, un Futsi Atlético Navalcarnero que chegaba cuarto á cita.

O conxunto marinense, ncesitado de puntos para escapar do descenso, deixou unha positiva imaxe mostrando a melloría que foi gañando no seu xogo e chegando en poñer en apertos ao seu potente rival, a pesar de que terminou levando o triunfo por un apertado 3-4.

Os compases iniciais do duelo evidenciaban a tensión pola importancia dos puntos en xogo, e as idas e vindas non atopaban portería.

Foi así ata que no minuto 17 Irene facía o 0-1, pero o Marín non puido reaccionar mellor, e é que na seguinte acción Gi Portes restablecía a igualdade no marcador.

Non quedou aí e un minuto despois Café poñía por diante ás locais, aínda que o Futsi devolveu o golpe co 2-2 antes do descanso poñendo fin a catro minutos de tolemia.

Xa no segundo tempo, a balanza empezou a decantarse en favor do conxunto visitante, que en dous picotazos poñía o 2-4 con goles de Leti e Ju Delgado.

Restaban aínda 14 minutos por xogarse e as xogadoras marinenses non se renderon. Conseguiron de novo apertar o partido co 3-4 de Carol Pedreira no minuto 31, e aínda que o seguiron tentando esta vez a defensa do Futsi foi efectiva para pechar a súa portería e levar os tres puntos en xogo da pista do Sequelo.

Coa derrota o Marín Futsal segue estando en postos de descenso, con 12 puntos.

Consulta aquí a acta do Marín Futsal-Futsi Atlético Navalcarnero.