O Marín Peixegalego refórzase co pivote internacional jamaicano Vashil Fernández

Marín
15 de agosto 2018

O pívot jamaicano Vashil Fernández (Kingston, 16/01/92) reforzará a pintura do Marín Peixegalego no seu proxecto de LEB Prata. Pívot de 2,08 metros unha envergadura de 2,30, atlético e de perfil defensivo, achegará potencia ao xogo interior dos de Javi Llorente, que coa súa fichaxe gañan especialmente nos aspectos defensivos, nos que Fernández achegará sobre todo centímetros, intimidación e rebote

 Vashil Fernández, á esquerda, nun partido co Levitec Huesca
Vashil Fernández, á esquerda, nun partido co Levitec Huesca / Club Baloncesto Peñas Huesca

O pívot jamaicano Vashil Fernández (Kingston, 16/01/92) reforzará a pintura do Marín Peixegalego no seu proxecto de LEB Prata. Pívot de 2,08 metros unha envergadura de 2,30, atlético e de perfil defensivo, achegará potencia ao xogo interior dos de Javi Llorente, que coa súa fichaxe gañan especialmente nos aspectos defensivos, nos que Fernández achegará sobre todo centímetros, intimidación e rebote.

Aínda que empezou tardiamente a xogar ao baloncesto, Vashil Fernández formouse na prestixiosa Universidade de Valparaiso, xogando catro anos cos  Crusaders, cos que promediou 4.7 puntos, 5.1 rebotes e 2,2 tapóns. Conseguiu ser designado en dúas ocasións Defensor do Ano da Horizon League, ademais de conquistar en 2016 o premio Lefty Driesell ao mellor xogador defensivo da NCAA, tras bater o récord da conferencia en tapóns, con 119.

Tras non ser elixido no Draft da NBA de 2016, ese cartón de presentación chamou a atención dun equipo NBA como Miami Heat, aínda que foi descartado tras disputar dous amigables de pretemporada, para irse aos Sioux Falls Skyforce como xogador afiliado dos Heat, desde onde foi traspasado aos Greensboro  Swarm, equipo vinculado aos Charlotte Hornets. Logo iríase a Romanía, antes de fichar por Levitec Huesca, equipo no que militou a tempada pasada, en LEB Ouro.

Vashil Fernández é internacional coa selección de Jamaica, coa que participou no Centrobasket 2014.