Despois de "moitas reunións e traballo", o Medio Maratón de Pontevedra segue adiante coa intención de poder celebrar a súa XXV edición o vindeiro domingo 18 de outubro.
Así o explicou o director da carreira, Víctor Riobó, na presentación oficial da mesma celebrada este venres no Teatro Principal.
"Vai ser unha proba piloto", explicou Riobó sobre o protocolo elaborado e que cualificou de "moi seguro e moi claro", e é que "se todo sae ben pode ser o inicio de tentar que haxa máis eventos e máis probas en calquera deporte noutros concellos de Galicia".
Entre outras medidas esa normativa establece saídas de dous en dous corredores cada 15 segundos e distancias de seguridade no circuíto que deben ser de dous metros cara aos lados e 10 metros cara adiante e atrás. "O circuíto está deseñado para que se poidan cumprir esas normas", sinalou.
O Medio Maratón dará comezo ás 9.00 horas da mañá e constará de dúas voltas a un circuíto que transcorrerá, desde Xosé Malvar, pola Illa das Esculturas e o campus universitario, afastado nesta ocasión do centro urbano.
"Queremos pedir a todo o mundo que se faga todo con moito coidado e precaución, teñamos sentidiño", declarou pola súa banda a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro.
Na presentación estivo presente o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen sinalou que a proba "foi tratada con moito mimo", e tamén o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, para quen "o deporte ten que ser seguro", polo que sacar adiante esta proba popular con todas as garantías posibles supón "un día moi importante".
A inscrición no XXV Medio Maratón de Pontevedra, debido ao COVID, limitouse nesta ocasión a 300 deportistas.