O Poio Pescamar xa coñece o camiño que lle espera na segunda fase da liga de Primeira División, na que pelexará no grupo das mellores por meterse no play-off final polo título.
A Real Federación Española de Fútbol celebrou este luns o sorteo do novo calendario, cunha liguiña de oito equipos na que só os catro primeiros accederán á final a 4 da liga.
Polo de súpeto o cadro conserveiro chega ao comezo da segunda fase no quinto posto con 35 puntos (2,187 de coeficiente), a 1 do que será o seu primeiro rival, o Melilla que dirixe un vello coñecido do club, Marcio Santos (2,25 de coeficiente). Por encima deles sitúanse o Roldán terceiro con 37 puntos, o Burela con 39 e o Futsi Atlético con 44. Mentres tanto por baixo están o Alcorcón (30 puntos), Móstoles (29) e Ourense Envialia (26).
Será por tanto un duelo importante xa desde a primeira xornada para as vermellas, que se a combinación de voos o permite recibirán na Seca o Melilla, que marca xusto a fronteira do cuarto posto, leste mesmo sábado 27 de marzo.
Despois deste partido as xogadoras adestradas por Manu Cossío renderán visita ao actual campión, o Burela.
A segunda fase, a ida e volta enfrontándose aos equipos que proceden do grupo contrario, prolongarase ata o 29 de maio, co Poio pechando a mesma na súa pista fronte ao Alcorcón.
Consulta aquí o calendario da segunda fase da liga na Primeira División de fútbol sala.
Antes do partido ante o Melilla, o Poio Pescamar ten ademais outro compromiso este martes 23 de marzo (20.00 horas), co partido de volta das semifinais da Copa Galicia ante o Ourense Envialia, a domicilio. O resultado da ida fora de empate sen goles.