O mellor piragüismo nacional regresa a Verducido

Pontevedra
27 de maio 2016

A pista de Piragüismo David Cal, no encoro de Pontillón do Castro, reunirá durante a fin de semana a case medio milleiro de piragüistas na Copa de España Srpint de 200 e 500 metros

Adrián Sieiro e André Oliveira, na proba de C-1 500 na Copa de España 2015 Federación Galega de Piragüismo

A pista de piragüismo David Cal, no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, centrará unha vez máis a atención do piragüismo nacional durante a fin de semana, coa disputa da Copa de España Sprint de 200 e 500 metros.

Preto de medio milleiro de deportistas, en categoría senior e junior, tomarán parte na competición, na que se inscribiron 71 clubs de toda a xeografía nacional.

Será unha intensa fin de semana de competición que arrincará o sábado 28 de maio cunha longa xornada deportiva, desde as 8:30 horas pola mañá e a partir das 17:00 horas pola tarde, estando previsto terminar ao redor das 20:00 horas.

Para o domingo quedarán as últimas quendas de competición nunha xornada matinal que se prolongará de 8:30 a 14:30 horas.

Toda a información de participantes, horario de saída e resultados poderá consultarse a través desta ligazón.

A Copa de España Sprint de 200 e 500 metros será unha das principais citas deportivas do ano no encoro de Verducido, que tamén acollerá a última fin de semana de xullo o Campionato de España Sprint de Xóvenes Promesas.