O Monte Porreiro non pode co Borges na terceira xornada da Superdivisión

Pontevedra
27 de outubro 2022

O club pontevedrés desprazouse este mércores a Cataluña para medirse ao potente Asisa Borges Vall, nun duelo atrasado da terceira xornada de liga pola participación dos cataláns en competición europera

Miguel Ángel Vílchez no enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Asisa Borges Vall da tempada 21-22
Miguel Ángel Vílchez no enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Asisa Borges Vall da tempada 21-22 / Cristina Saiz

Derrota do Tenis de Mesa Monte Porreiro Visit Pontevedra na terceira xornada da Superdivisión Masculina. O club pontevedrés desprazouse este mércores a Cataluña para medirse ao potente Asisa Borges Vall, nun enfrontamento atrasado pola participación dos cataláns en competición europea.

O Borges, que viña de lograr clasificarse para o cadro final da Europe Cup, apenas deu opción a un Monte Porreiro que aínda así vendeu cara a súa derrota a pesar das adversidades en forma de lesión de Nico Galvano.

Martín Betancor non puido con Viktor Brodd no duelo que abría a xornada, e despois a retirada de Galvano poñía costa arriba o duelo.

Con 2-0 en contra, Míguel Ángel Vílchez pelexou ata o final por recortar distancias contra Marc Durán, pero terminou cedendo certificando a derrota do equipo. 

Xa sen opcións, Martín Betancor sumou o único punto do día para o Visit Pontevedra superando a Joan Masip, antes de que Vílchez volvese ceder en cinco apertadas mangas contra Viktor Brodd.

Sen apenas descanso o Tenis de Mesa Monte Porreiro afrontará esta mesma semana, o domingo 30, unha nova xornada de liga coa visita do TM Parla ao pavillón de Príncipe Felipe.