O Natación Galaico revalida o seu título de campión galego de inverno

Pontevedra
31 de decembro 2018

O club pontevedrés foi o mellor equipo na clasificación xeral tras tres días de competición na piscina compostelá de Santa Isabel

O Galaico proclamouse en Santiago campión galego de inverno
O Galaico proclamouse en Santiago campión galego de inverno / Federación Galega de Natación

O Club Natación Galaico mantén o seu dominio a nivel autonómico tras revalidar o seu título no Campionato Galego de Inverno.

O conxunto pontevedrés encabezou a clasificación xeral por equipos tras tres días de competición, do 28 ao 30 de decembro, celebrados na piscina de Santa Isabel, en Santiago de Compostela.

Tratábase da última competición do ano, e o Galaico acumulou 46.743 puntos para impoñerse por diante do CN Liceo (45.015 puntos) e o Club del Mar (41.301), segundo e terceiro respectivamente.

Por categorías, o Galaico impúxose na masculina (25.476 puntos) superando ao Club del Mar en só tres puntos, mentres que na feminina finalizaron en segundo lugar (21.267 puntos) por detrás do CN Liceo (22.079).

CARLA  GOYANES, CONVOCADA POLO EQUIPO NACIONAL

O ano comezará para unha das deportistas do Natación Galaico, Carla Goyanes, cunha concentración co equipo nacional de augas abertas, especialidade na que se consolidou nos últimos meses.

Goyanes está chamada a adestrar do 3 ao 20 de xaneiro na localidade francesa de Font Romeu, nun 'stage' no que tamén estará o adestrador do CGTD Fernando Zarzosa.