O Natación Galaico vai de 'copas'

Pontevedra
21 de decembro 2017

Será un final de ano movido para o Club Natación Galaico, que desde este xoves afronta as competicións da Copa de España de Clubs, cos seus equipos feminino e masculino, e que a próxima semana participará no Campionato Galego Absoluto

Nadadores do Galaico que participarán na Copa de España de Clubs Club Natación Galaico

Vai ser un final de ano intenso para o Club Natación Galaico, que desde este xoves afronta a participación dos seus equipos feminino e masculino na Copa de España de Clubs.

As rapazas farano un ano máis na Primeira División cunha competición que se prolongará ata o sábado 23 en Barcelona e na que contarán con sete rivais:  Mediterrani, Madrid Moscardó, Palma de Mallorca, Santa Olaya, Mataró, Gredos San Diego e Granollers.

Dos equipos oito participantes os dous primeiros lograrán o ascenso á División de Honra e os dous últimos perderán a categoría.

En Barcelona defenderán as cores do Galaico: Carla Goyanes, Iria García, Aurora Pérez, Ana Pérez, Clara Otero, Águeda Cons, Henar Cons, Nuria Erselle, Inés Gómez, Antía García e Lara Gómez Cortés, que acode á cita como suplente.

Non moi lonxe, en Sabadell, e nas mesmas datas o equipo masculino do Galaico afrontará a súa participación na Copa de España de Segunda División, ante outros 15 clubs entre os que tamén se atopa o CN Coruña.

No seu caso ascenderán de categoría tamén os dous primeiros clasificados.

Polo club pontevedrés competirán en Sabadell: Cibrán Leal, Marc Ciurana, Iago Lorenzo, Pablo García, Juan David Hernández, Pablo Juncal, Cristian Fernández, Jacobo Ucha, Tomás Bouzas, Daniel Sánchez e Ramón Fernández.

Tras esta cita, e para pechar o ano, o Club Natación Galaico aínda afrontará unha competición máis, o Campionato Galego Absoluto de Inverno que se celebrará do 28 ao 30 de decembro en Santiago de Compostela.