Coas ausencias por convocatorias coas súas seleccións de Gualther Furtado e Cavalcanti e coa certeza da necesidade de incorporar un pivote e un lateral dereito para pechar o persoal, o Cisne de Javier Márquez púxose xa en marcha.
Nunha sesión lixeira centrada en exercicios de coordinación e dinámicas de grupo tivo lugar o primeiro adestramento de pretemporada dun Cisne que regresa este ano a Asobal coa ilusión de conseguir a permanencia na máxima categoría do balonmán nacional.
Sen querer meter presión a un plantel prometedor pero inexperto, o equipo de Márquez ten planificada unha pretemporada cun mínimo de oito sesións semanais de traballo nas que alternará traballo físico con moito balón. "Esperamos que collan o estado de forma canto antes para establecer o modelo de xogo canto antes", declarou os técnico instantes antes de dar comezo á primeira rolda de adestramentos.
O estilo que terá o seu Cisne é aínda unha incógnita e dependerá da capacidade de adaptación dos xogadores ás propostas do corpo técnico. "Temos un plantel con moita xente nova, pero iso pode ser unha arma de dobre fío porque teñen ese descaro e ese asumir responsabilidades, pero outras veces poden pecar de irregular. Temos que conxugar esas dúas premisas para que sexan capaces de estar o mellor posible todo o ano", explica o preparador manchego.
Para axudar a conseguir o obxectivo da permanencia, recoñecen desde o club que traballan na incorporación de dous xogadores máis. "Sobre a mesa está a opción de contar cun xogador da casa como Carlos Pombo", dixo Márquez sobre as posibilidades de renovar ao lateral, mentres que para o posto de pivote aínda non manexan nomes concretos.
Coa volta ao traballo, chegarán tamén os primeiros partidos de verán e a axenda do Cisne está máis que apertada. Nun horizonte próximo aparecen xa dous partidos contra o Braga, outro contra Aguasantas, un triangular en Oviedo e a rolda previa da Copa Galicia. Uns test máis que suficientes para poñer a punto a un equipo que non quere meterse presión. "Ter obxectivos a longo prazo non ten moito sentido agora. Hai que ser cautelosos e ir partido a partido", concluíu Márquez.
O plantel actual do Cisne está formado por Álex Chan, Dani López, Javi Vázquez, Carlos Álvarez, Rubén Sequeiros, Bruno Vázquez, Carlos Ocaña, Iván Calvo, Román Arboleya, Alejandro Conde, André de Moura e Mateo Arias, así como os fichados Kilian Ramírez, Gualther Furtado, Gabriel Cavalcanti e a continuidade de Roney Franzini.