O Peixe Galego busca recursos para competir en LEB Ouro e lanza a súa nova campaña de socios

Marín
07 de xuño 2019

Os abonos gozarán de desconto se se formalizan antes do 5 de xullo. O club marinense traballa en conseguir cubrir o aval bancario de 150.000 euros e pagar a inscrición de 36.000 euros para poder competir, por segunda vez na súa historia, na segunda categoría do baloncesto nacional

Afección do Peixe Galego vendo na Alameda o partido polo ascenso ante o Villarrobledo
Afección do Peixe Galego vendo na Alameda o partido polo ascenso ante o Villarrobledo / Diego Torrado

Conseguida a primeira proeza na cancha de xogo, a segunda pasa polos despachos. O Peixe Galego traballa estes días a pleno rendemento para conseguir os recursos económicos necesarios que lle permitan competir por segunda vez na súa historia na segunda categoría do baloncesto nacional, a Liga LEB Ouro.

As esixencias desta categoría supoñen un salto importante a nivel orzamentario. Así, os de Marín necesitarán cubrir un aval bancario de 150.000 euros e terán que pagar unha cota de inscrición de 36.000 euros, iso sen contar os 40.000 euros que se destinarán a arbitraxes.

Por todo iso o Peix  Galego trasladou un chamamento a "toda a sociedade marinense, afeccionados, empresas e institucións públicas" para que se impliquen no novo proxecto deportivo.

Un deses apoios baséase na nova campaña de socios do club, que se pon en marcha buscando aumentar a súa masa social e premiando a fidelidade, xa que se os seguidores retiran o seu carné antes do 5 de xullo gozarán dunha rebaixa. A partir desa data os abonos pasarán a custar 10 euros máis.

O abono, cuxo pago poderá fraccionarse, incluirá os partidos de liga regular, un total de 18 encontros, 17 como locais e un de presentación polo que non pagarán nunca máis de 6 euros. "Un prezo alcanzable pero que sen dúbida axudará ao noso equipo para saír na categoría que se gañou na pista", sinalan desde a entidade.

Así queda a campaña de socios do  Peixe  Galego para a tempada 2019/2020:

CATEGORÍA RENOVACIÓN NUEVO SOCIO
Sénior     90 euros     100 euros
Xuvenil     40 euros       50 euros
Familiar 75 adulto/25 xuvenil 85 adulto/35 xuvenil
Colectivos especiais     70 euros       70 euros

 

Nos próximos días, sinala o Peixe Galego, habilitaranse as canles para abonarse a través da web do club, no Pavillón da Raña, en locais asociados e na Alameda de Marín.