O Peixe Galego cítase coa historia

Marín
24 de marzo 2016

O club marinense recibe este venres (20:00 horas) na Raña ao Aceitunas Fragata Morón na que é a súa primeira opción de lograr un histórico ascenso. As contas son claras, se gaña o Peixe Galego será matematicamente equipo de LEB Ouro

Gabe Rogers nun partido do Peixe Galego na Raña Diego Torrado

Todo Marín ten o Venres Santo unha cita coa historia. Depués dunha tempada de ilusión, o Peixe Galego atópase a un só paso de lograr o ascenso á liga LEB Ouro.

As contas son sinxelas, se os de Javi Llorente gañan este venres na Raña (20:00 horas) ao Aceitunas Fragatas Morón, asegurarán o ascenso matemático á segunda categoría do baloncesto nacional, algo impensable a principio de liga.

Non depende de terceiros o Peixe Galego, só do efecto que ten no equipo xogar ante o seu público nun pavillón da Raña que apunta a cheo absoluto.

Non será con todo un camiño de rosas para os de Marín, que encadean xa dez triunfos consecutivos. O seu rival, o CB Morón, chega á cita nun bo momento de forma e pelexando por conseguir o factor cancha na primeira eliminatoria do play-off, despois de cinco xornadas gañando.

A principal dúbida para Javi Llorente será o estado de Gabe Rogers. O equipo repúxose nas últimas semanas á ausencia do seu máximo expoñente ofensivo, pero nesta ocasión a pesar das molestias físicas que arrastra estará dispoñible para o técnico 'peixe'.