O Peixe Galego completa unha primeira volta de competición inmaculada

Marín
08 de xaneiro 2018

Co seu triunfo deste domingo na Coruña, o equipo marinense finaliza chega ao ecuador da competición na Liga EBA con 15 vitorias noutros tantos encontros

Partido do Peixe Galego ante o Baloncesto Narón
Partido do Peixe Galego ante o Baloncesto Narón / Diego Torrado

Segue sen haber quen pare ao Peixe Galego na Liga EBA de Baloncesto, e é que o club marinense acaba de completar unha primeira volta de competición inmaculada.

Os de Javi Llorente arrincaron o ano vencendo este domingo na Coruña para sumar 15 vitorias noutros tantos encontros e confirmarse ata o momento como o gran dominador da categoría.

É certo que o filial do Basquet Coruña chegaba á cita como pechacancelas de grupo, pero iso non quita mérito ao conseguido ata o momento polo conxunto  Peixe.

Na cidade herculina os de Marín impuxéronse por un claro 77 a 98 nun choque que dominaron desde o primeiro cuarto (15-26) para ir despois aos poucos ampliando a súa renda co paso dos minutos.

Desmond Simmons (24 puntos e 10 rebotes), Hale-Edmerson (20 puntos, 11 asistencias e 10 rebotes) e Oubiña (18 puntos) lideraron a un equipo no que aínda non puido debutar a súa recente incorporación, o base Jacobo de Benito.

Coa liga regular encamiñada, xa que con tres vitorias de distancia sobre a segunda praza, no Peixe Galego mírase xa de esguello cara ao esperado play-off de ascenso de final de tempada, ao que espera chegar no mellor momento posible para tentar recuperar a categoría perdida no verán nos despachos.

Consulta as estatísticas do Basquet Coruña-Peixe Galego.