O Peixe Galego trasládase ao CGTD de Pontevedra polas obras na Raña

Marín
10 de xaneiro 2018

O encontro da Liga EBA ante o segundo clasificado, o Gijón Basket, disputarase en Pontevedra o vindeiro sábado 13 de xaneiro ante a imposibilidade de poder usar a súa pista habitual de xogo

A afección do Peixe Galego abarrotou a bancada do CGTD no fronte a Araberri na LEB Ouro
A afección do Peixe Galego abarrotou a bancada do CGTD no fronte a Araberri na LEB Ouro / Diego Torrado

O partido entre os dous primeiros clasificados do Grupo A-B da Liga EBA de baloncesto, entre Marín Peixe Galego e Gijón Basket, disputarase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

O club marinense vese obrigado a cambiar polo menos por unha semana de sede debido ás obras que se están acometendo na súa pista habitual de xogo, o pavillón da Raña.

Trátase dun encontro que pode supoñer un paso de xigante para os de Javi Llorente cara aos play-off, xa que no caso de vencer aventaxarían en catro en triunfos ao seu principal perseguidor na táboa.

O partido disputarase o sábado 13 de xaneiro ás 19:45 horas e a entrada será de balde para o público, coa intención de facilitar o desprazamento á afección de Marín.

RESCISIÓN DE CONTRATO DE BRENT CALHOUN

Noutra orde de cousas, o Peixe Galego anunciou este martes a marcha de Brent Calhoun, xogador estadounidense que non volveu ao equipo tras as vacacións de Nadal.

Calhoun, que chegou o pasado verán ao club, xogou coa camiseta peixe un total de 13 partidos, alcanzando neles 13 puntos e 7,3 rebotes.