O Peixe Galego refórzase co ala-pívot irlandés John Carroll

Marín
30 de outubro 2019

O xogador, que está listo para debutar leste mesmo mércores contra o Basquet Coruña, comprométese co equipo marinense por dous meses, prazo tras o que se valorará a súa continuidade

John Carrol na súa etapa na NCAA
John Carrol na súa etapa na NCAA / Hartford Hawks

O mal comezo de competición do Peixe Galego na Liga LEB Ouro, con cinco derrotas nos seus cinco primeiros encontros, empuxou á directiva do club para facer un esforzo en forma de reforzo para unha rotación escasa, sobre todo trala lesión de Álex Mazaira.

Ese esforzo traduciuse na chegada do ala-pívot John Carroll, listo para debutar este mesmo mércores no derbi autonómico contra o  Basquet Coruña.

O xogador irlandés, de 24 anos e 2,03 metros de estatura, comprométese co conxunto marinense por dous meses, tempo tras o cal se valorará a súa continuidade, segundo confirman desde a entidade peixe.

Carrol chega a Marín procedente do Ostrava da Primeira División da República Checa, pero ata o pasado curso xogaba no Hartford da liga universitaria norteamericana (NCAA), equipo no que no seu último ano alcanzou de media 14,6 puntos e 6,8 rebotes por partido.

Desta forma Javi Llorente suma unha peza máis ao equipo no seu obxectivo de lograr ser competitivos na segunda categoría do baloncesto nacional.