O Peixe Galego roza a proeza pero termina cedendo ante o Basquet Coruña (71-65)

Marín
08 de outubro 2016

Gran imaxe do conxunto marinense, que plantou cara en todo momento ante un dos aspirantes aos primeiros postos da liga. O cadro 'peixe' vendeu cara a súa derrota e só cedeu no último minuto de partido

José Simeón no partido de Copa entre Peixe Galego e Leyma Coruña
José Simeón no partido de Copa entre Peixe Galego e Leyma Coruña / Diego Torrado

A punto estivo de dar a sorpresa da xornada o Peixe Galego na cancha dun dos grandes favoritos da LEB Ouro, o Leyma Coruña.

Os de Marín demostraron ir moi en serio e venderon cara a súa derrota (71-65) nun choque que non se terminou de decidir ata o último minuto.

A falta de Jason Cain, baixa ao non chegar o seu transfer, Tim Derksen asumiu a responsabilidade ofensiva do Peixe (25 puntos), secundado por Mugica (14).

Empezou máis atinado o equipo local no primeiro parcial (21-16), pero nas rotacións do segundo cuarto os de Javi Llorente melloraron en defensa para igualar o choque e chegar ao descanso cun apertado 33-32.

Tras a pausa o Peixe Galego viviu os seus mellores minutos e, cun parcial de 0-8, logrou o seu máxima renda no encontro (38-45), pero o Leyma reaccionou e desde o perímetro, con senllos triplos de Zyle e Djuran, volviá a poñerse por diante ao final do terceiro cuarto (50-49).

No parcial definitivo o Basquet Coruña quixo sentenciar pola vía rápida, pero Miso e Derksen mantiveron con vida ao conxunto marinense ata o último minuto (65-63). Foi aí cando os coruñeses, máis descansados, non desaproveitaron a ocasión para sentenciar o duelo.

A pesar da derrota o Peixe Galego demostrou que o triunfo ante o Melilla na primeira xornada non foi unha casualidade e lanzou un aviso para os seus rivais, quen queira gañarlles deberá empregarse a fondo.

Consulta aquí as estatísticas do partido.