O Peixe Galego non puido co Granada no partido disputado esta fin de semana na cidade andaluza.
A intensidade marcábana os locais que comezaron o choque moito máis metidos no partido, sobre todo en defensa alongando a diferenza ata o 5-0 nos primeiros minutos. Os de Marín espertaron grazas a un triplo de Badmus co que puideron adiantarse momentaneamente, pero a reacción dos de Granada pronto chegou e puxéronse seis arriba (21-15). De novo, un excelente Badmus volveu aparecer e cun novo triplo e un 2+1 igualou o encontro ao final dos primeiros 10 minutos (21-21).
Nada máis comezar o segundo cuarto, os pupilos de Javi Llorente non souberon reaccionar ante a que se lles viña encima. Os locais lograron un parcial de 14-4 para poñerse 35-25 pero os de Marín conseguiron espertar e recortar algo de distancia antes do descanso, ao chegou con 44-37.
Tras o paso polo vestiario, a seca anotadora foi a protagonista do terceiro cuarto no que o Peixe anotou 9 puntos fronte aos 16 do Granada que lle permitiron aumentar a renda para chegar a un novo descanso con 14 puntos arriba (60-46).
O último cuarto foi un continuo sufrimento para os de Javi Llorente que vían como a diferenza de puntos era cada vez máis avultada. Nada puideron facer cando a escasos 4 minutos de final, vían como a distancia no marcador era de 26 puntos, e unha nova vitoria escapábaselles (83-56).